Wednesday 15 de May de 2024

Concerto de María de la Flor o sábado na Fábrica


O Festival Elas son Artistas chega este sábado a Oleiros cun concerto de María de la Flor, no centro cultural A Fábrica, ás 20:30 horas. As entradas teñen un prezo de 4 euros e pódense adquirir a través de Ataquilla.com ou desde unha hora antes na billeteira do auditorio.

María de la Flor é violinista, compositora e cantante, aínda que a orde non importa. Se o violín é o seu instrumento desde os tres anos, hai unha forza definitiva na súa voz, un tiro de luz.

A nova artista madrileña publicou en 2019 dous sinxelos que foron unha declaración de intencións. “Dice la abuela” e “Desierto” están apoiados por un cuarteto de cordas e unha voz que cruza as notas e voa con forza, inundando de intensidade e emocións ao oínte.

María de la Flor continúa neste camiño en 2021 e publicou o seu primeiro EP, catro novas composicións nas que se adiviñan influencias do folclore hispano e latinoamericano, intúense melodías asturianas ou galegas e referencias de cantautores orixinais como Amancio Prada ou actuais como Natalia Lafourcade. En 2022 presentou “Hilanderas” o seu primeiro disco de longa duración.

Melodías encantadas, sons populares, canción e raíz.

VENDA DE ENTRADAS: http://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/auditorio-a-fabrica/15470–maria-de-la-flor-festival-elas-son-artistas-6-festival-metropolitano-de-musica-e-artes-pola-igualdade.html